Thursday 09 de May de 2024

A Xunta galardoa as mellores declaracións de amor do duodécimo certame “Lingua de Namorar”


— Na categoría A, de 14 a 19 anos, foron premiados a ourensá Alba Guzmán Falcón, o coruñés Santiago Sánchez Villarino e a veciña de Pantón Carla López Otero

— Na categoría B, de 20 a 35 anos, os premios foron para Eva González Blanco, de Lalín; Clara Pérez Martínez, de A Bola; e Andrea López Otero, de Pantón

— Na modalidade de Instagram a mellor mensaxe foi da ourensá Iria Cebreiros Trigo

A Xunta de Galicia vén de anunciar os nomes dos gañadores das mellores declaracións de amor en galego presentadas nesta undécima edición do certame Lingua de namorar. Un total de 2615 persoas (99 mozas e mozos e 2516 votantes) participaron neste concurso que procura dinamizar o uso da lingua galega entre a xuventude, tanto nas súas relacións persoais como na internet.

Un ano máis, as Consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidade e a de Política Social e Xuventude puxeron en marcha esta iniciativa que promove o uso de galego ao tempo que permite amosar o talento literario da mocidade a través de tres categorías, dúas delas para web e unha exclusiva para a rede social Instagram.

Categorías web
Na primeira categoría de idade (categoría A, de 14 a 19 anos) foron premiados a ourensá Alba Guzmán Falcón (Premio Xuventude Crea Novela curta en 2021), o coruñés Santiago Sánchez Villarino e a veciña de Pantón Carla López Otero. Na categoría B (de 20 a 35 anos), os galardóns recaeron en Eva González Blanco, de Lalín; Clara Pérez Martínez, de A Bola; e Andrea López Otero, de Pantón.

Os dous primeiros premios de cada unha destas categorías levaranse un tableta, os segundos un libro electrónico e os terceiros uns cascos sen fíos.

Categoría Instagram
A terceira modalidade de Lingua de namorar, foi a dedicada á rede social Instagram, dirixida a rapazas e rapaces de 14 a 35 anos. Nesta categoría a gañadora foi Iria Cebreiros Trigo, de Ourense, con #aartedoboquerer. O premio desta categoría é unha tableta, de igual xeito que os gañadores das outras dúas especialidades.

Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas pódense consultar na páxina web http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos Instagram de @XuventudeGalicia e @LinguaGalega.